Productos Cárnicos Domínguez acaba de adquirir Porco Landrán e decídese pola elaboración e comercialización de derivados do porco celta cumprindo o seu compromiso coa calidade e a tradición gastronómica.
Domínguez comezou a súa andaina empresarial recreando receitas tradicionais de chourizo galego e continuou o seu notable crecemento tendo moi en conta que na base do seu éxito estaba esa recuperación dos sabores, calidades e texturas tradicionais.
Agora abre esta liña de produtos cen por cen autóctonos como un reto que os motiva para seguir sendo unha empresa punteira no sector. O seu director, xerente e fundador, Vicente Domínguez, salienta que «nós somos moi sensibles ao desenvolvemento económico da nosa contorna, pois a nosa produción está dirixida principalmente ao consumo local. Na adquisición de Porco Landrán pesa moito esta motivación por xerar dinamismo no tecido produtivo autóctono». Preguntado polo que significa esta aposta, Vicente Domínguez sinala que «no sector da alimentación hoxe enfrontámonos a dous retos fundamentais. Un, por suposto, é a seguridade, aspecto que nós temos xa moi traballado e solucionado, e outro é a innovación. Como é lóxico, hai un interese enorme por elaborar produtos de alto valor engadido, e unha mostra evidente son as tendencias da nova cociña e a alta gastronomía, que marcan moito ese camiño. Na vertente industrial, a innovación no sector alimentario ten algo de “regresión”, pois unha das tendencias actuais é volver ao produto tradicional, moito máis ecorresponsable, baseado nunha produción de escala máis reducida que garanta a sustentabilidade e a naturalidade do que se pon na mesa para xantar».
É neste contexto no que Domínguez decide que o proxecto Porco Landrán pode achegar ao consumidor un produto de alta calidade que, á súa vez, sirva tanto para dinamizar as explotacións desta cabana autóctona coma para profundar no seu compromiso co tecido produtivo local que sustenta a súa industria. Vicente Domínguez conclúe: «a existencia e futuro dunha empresa local como a nosa depende da riqueza que se estea xerando ao redor. Desde que a fundei, decateime que os esforzos puramente individuais acaban sendo estériles, e iso, nunha empresa familiar acabase vendo moi claramente desde os inicios. O esforzo individual é a base, pero de pouco serve se a sociedade non acompaña. Vivimos nun país con grandes posibilidades que non debemos desaproveitar, e o proxecto do Porco Landrán circunscríbese nesa filosofía. Non sei se teremos máis ou menos éxito, confórmome con que consigamos manter a viabilidade desas explotacións, que teñen moito mérito, e achegar ao consumidor uns produtos que o entusiasmen. Para min é unha aposta cun alto grao de responsabilidade social e así o asumo».
Qué é o porco celta?
O porco celta é unha raza que ata os anos 50 do século XX era a habitual nas cortes galegas, pero foi desaparecendo sen pausa ata hoxe, polo que se atopa en vías de extinción. Teñen unha anatomía moi singular: son longos, cabeza moi grande con orellas grandes que les chegan a tapar os ollos, son tamén altos e grandes andadores. Outra característica é que son pouco precoces (tardan moito tempo en medrar). As súas singularidades anatómicas e os hábitos de vida fai que a súa carne sexa apropiada para a elaboración de embutidos e xamóns, pois achegan gran cantidade de graxa de moi boa calidade.
Durante os últimos lustros, o xamón de porco celta ten ido facéndose unha posición de prestixio ata acadar un nivel moi próximo ao do xamón ibérico. As súas tres variedades, a santiaguesa, a barcina e mais a carballina, achegan hoxe en día unha produción cárnica limitada, pero moi apreciada no segmento consumidor máis esixente. Grazas a un arduo labor de recuperación, liderado por Asoporcel, conseguiuse que a cabana desta variedade porcina se fose recuperando, malia que aínda se atopa entre as razas en declive.
A denominación popular de porco landrán ten que ver con outra das características peculiares da nosa raza: os hábitos alimentarios e de vida. Esta raza é consumidora de landras (bellotas en galego), igual que seu parente ibérico. Precisamente, a calidade dos produtos elaborados coa carne destes porcos radica no modelo de explotación e na alimentación.
O porco celta críase en liberdade e aliméntase nos bosques atlánticos galegos, principalmente de landras, castañas, raíces e outros vexetais e seres vivos. Nas tempadas nas que a provisión natural de alimento non cobre as necesidades alimentarias, a dieta dos animais compleméntase con outros produtos naturais como verduras, cereais, patacas… O resultado é un produto de primeira calidade, tanto polo sabor como polo elevado contido de ácidos graxos insaturados, recoñecidos polos seus efectos beneficiosos para a saúde humana.
Este modelo de crianza tamén contribúe a fixar poboación no territorio e a un coidado especial dos nosos bosques, pois estes animais fan un labor de limpeza do noso sotobosque que axuda á conservación e extensión dos bosques atlánticos de Galicia.
© Fotografías xentileza de ASOPORCEL.